Thursday 09 de May de 2024

Un dispositivo formado por 1.809 persoas organizará mañá o proceso electoral do 18-F na Coruña


Un total de 197.485 coruñeses e coruñesas están citados para exercer o seu dereito a voto en 86 colexios electorais e 297 mesas

Un total de 197.485 coruñesas e coruñeses están citados para exercer o seu dereito a voto este domingo, 18 de febreiro, data das Eleccións Autonómicas 2024 na cidade da Coruña.

Cada veciña e veciño censado no termo municipal recibiu xa, en formato físico, a súa tarxeta censual, o documento informativo remitido ás e aos electores que contén os seus datos censuais e o lugar de exercicio do seu dereito a sufraxio. Baseándose no distrito e na sección nos que estea localizado o seu domicilio, cada cidadán da Coruña ten asignado un colexio electoral e unha mesa específica para poder votar este domingo. A isto sumarase, ademais, o voto por correo.

O dispositivo electoral, de cara aos comicios autonómicos do 18 de febreiro experimentará pequenas variacións con respecto ao que se dispuxo nas eleccións xerais do 2023. No termo municipal da Coruña haberá 86 colexios electorais —previamente eran 85— e 297 mesas —previamente eran 295—.

No tocante á creación de novas mesas, desdobráronse dúas ao exceder dos 1.000 electores: son a Mesa C: Distrito 9/Sección 4 (Centro Cívico de Mesoiro) e a Mesa C: Distrito 10/Sección 5 (Pavillón polideportivo da Sagrada Familia).

Outra das novidades será que na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) (Federico Tapia, 64) estarán localizadas catro mesas: as mesas A e B das Seccións 9 e 10 do Distrito 3, que anteriormente votaban no Palacio da Ópera, que pasa de 12 a 8 mesas.
A maiores, as dúas mesas únicas das Seccións 26 e 27 do Distrito 7 que votaban no colexio Liceo A Paz pasan ao pavillón polideportivo do Barrio das Flores.